Obra de Calasanz
A longa vida de San Xosé de Calasanz ocupa practicamente a segunda metade do século XVI e toda a primeira parte do XVII. Persoa aberta á realidade circundante, recibiu o impacto das ideas e problemas que o rodeaban, e co seu compromiso persoal contribuíu ao progreso das ideas e á solución dos problemas. Pódese afirmar que, xunto con outros dos seus contemporáneos, foi protagonista -aínda que pouco coñecido- da transición do renacemento á modernidade.
Na formación espiritual de Calasanz influíron moito as correntes renovadoras do século XVI en España, personificadas nalgúns autores ascéticos e místicos como García de Cisneros e Juan de Ávila, Bernardino de Laredo e Francisco de Osuna, Luis de Granada e Teresa de Jesús, Antonio Cordeses e Andrés Capilla.
A pegada dalgúns destes autores reflíctese na ensinanza espiritual do Santo, anos máis tarde, cando propón aos relixiosos da súa Orde un camiño espiritual baseado no propio coñecemento como paso inicial e indispensábel para a progresiva identificación con Xesucristo; e a práctica da oración interior, como medio necesario para progresar tanto no coñecemento persoal coma na intimidade co Señor. Os autores antes citados recomendan dous tempos fortes de meditación: o da mañá, adicado á paixón de Cristo, e o da noite, ao propio coñecemento, partindo dos novísimos. Esta práctica estableceuna Calasanz diariamente como fundamental na súa Orde dende as orixes.
Nas Constitucións que escribiu o Santo para os seus relixiosos, nas súas cartas e noutros documentos redactados por el despois da fundación das Escolas Pías, proxecta e encarna esta experiencia interior no compartir diario da comunidade fraterna e na entrega dilixente ao ministerio específico da educación. E como consecuencia diso, nos escolapios, tanto a práctica das virtudes evanxélicas e o empeño ascético coma o compromiso apostólico de toda vida cristiá, quedan coloreados de maneira peculiar polo carisma recibido que integra e unifica todos os aspectos da súa vocación.
Foi precisamente a partir da dedicación de Calasanz á educación dos fillos das clases populares en Roma, nos anos de transición do século XVI ao XVII, cando foi elaborando de modo explícito o seu pensamento pedagóxico, froito do seu persoal itinerario espiritual e social.
Anteriormente algúns pensadores humanistas como Juan Luis Vives, Erasmo e o mesmo Lutero teorizaran sobre a educación de nenos e mozos. Incluso algúns fundadores relixiosos anteriores, como Jerónimo Emiliani, Antonio M. Zaccaria e Ignacio de Loyola, iniciaran obras asistenciais e educativas moi meritorias. Con todo, o pensamento e a acción de Calasanz significaron unha ruptura respecto da cultura pedagóxica anterior polo interese práctico demostrado en favor da educación das clases populares dende os primeiros anos e pola orientación científica dada á ensinanza, ademais da tradicional humanística.
En diversos escritos fundacionais, Calasanz fai unha formulación teórica clara do que pretende coa obra iniciada: contribuír á reforma da sociedade e á felicidade temporal e eterna das persoas, educando aos nenos na fe cristiá e nas letras humanas, por medio de escolas pías, é dicir, populares e cristiás. Esta filosofía foi levada á práctica por Calasanz durante cincuenta anos ata a súa morte e organizou non menos de trinta colexios en diversos estados europeos, dotándoos de educadores preparados, estruturas adecuadas e regulamentos escritos por el mesmo. Para Calasanz, a figura do educador é elemento fundamental na consecución dos obxectivos pedagóxicos e sociais da súa obra. Na súa persoa conflúen unha vocación relixiosa e unha vocación educativa que se integran nunha identidade propia.
De aí que o pensamento espiritual e pedagóxico de Calasanz se exprese de maneira singular cando escribe, con matices diversos en toda ocasión, sobre a figura ideal ou perfil deste educador que podemos chamar calasancio; será un home entregado á educación evanxelizadora dos nenos, formado cultural e metodoloxicamente de maneira continua, vivindo en comunidade os seus compromisos de relixioso e practicando as virtudes características do seu carisma: confianza en Deus, amor a Xesucristo, devoción a María, pobreza e humildade, caridade e paciencia, entrega e abnegación, esperanza e alegría...
O pensamento espiritual e pedagóxico de San Xosé de Calasanz, e a práctica do mesmo, proposta aos seus primeiros compañeiros en Roma ao comezar o século XVII, deu orixe na Igrexa a unha espiritualidade pedagóxica e a unha pedagoxía espiritual de trazos característicos que son unha das primeiras manifestacións da espiritualidade e da pedagoxía modernas. Esquematicamente, así se podería redactar unha síntese do pensamento espiritual e pedagóxico de San Xosé de Calasanz:
- Todo camiño espiritual se inicia polo propio coñecemento e continúa co proceso de identificación con Cristo, obra do Espírito, mediante a creación e a entrega persoal.
- A vida escolapia é unha forma adecuada e directa de seguir evanxelicamente ao Señor en corpo e alma.
- Esta forma de vida integra a consagración por medio dos votos, a vida fraterna en común e a dedicación ao ministerio específico.
- É un proxecto de vida que implica acrecentar progresivamente a docilidade ao Espírito, a confianza en María -nai e educadora- e o sentido eclesial.
- Require, ademais, o constante cultivo das virtudes evanxélicas e pedagóxicas características do carisma escolapio.
- Na vida espiritual o fundamental é deixar obrar a Deus, pero tamén se debe colaborar co propio empeño.
- A identidade do educador calasancio é ser Cooperador da Verdade, isto é, vivir e servir simultaneamente a Cristo na misión.
- Do ministerio escolapio depende a felicidad futura de cada educando e a reforma da sociedade.
- A educación impartida ha ser completa, integrando as letras e ciencias coa doutrina e piedade cristiás, sendo esta última prioritaria.
- No ministerio educativo hai que atender principalmente aos pobres e aos nenos dende os primeiros anos.
- A ensinanza ha de preparar para a vida, incluíndo humanidades pero tamén ciencias ou matemáticas e habilidades prácticas (caligrafía, música...).
- O método didáctico ha de ser breve, sinxelo e eficaz para que os nenos aprendan en pouco tempo.
- A escola debe ser graduada e ha de constar, polo menos, de catro graos no ensino elemental e doutros catro para as humanidades e ciencias. Cada alumno pasa individualmente ao grao superior cando estea preparado para iso.
- Todas as escolas pías teñen un plan educativo común, pero cada unha delas terá as estruturas educativas adecuadas, segundo as circunstancias, e un regulamento propio que determinará as funcións diversas e as obrigacións dos alumnos, mestres, directivos, pais de familia, autoridades civís, etc.
- Os Padres Escolapios continúan a excelente obra do seu fundador nas súas escolas espalladas por todo o mundo. Teñen 205 casas no mundo, adicadas á educación, con 1.630 relixiosos
PENSAMENTO ESPIRITUAL E PEDAGÓXICO DE SAN XOSÉ DE CALASANZ.
Por Josep Anton Miró